9.6.14

Verán vermello


A principal novidade para esta etapa é a recente publicación d'O disco vermello en internet, o pasado maio, e a súa inminente edición física, que esperamos ter a partir do 14 de xuño.

Tamén retomamos o traballo de directo, que levaba unha tempada aparcado. De momento con datas en Compostela (14 de xuño), Sargadelos (Cervo) (24 de xullo) e Burela (12 de setembro), pero confiamos en ir confirmando en breve outras datas. Hai moi pouco inauguramos un apartado no web de Discos da Máquina no que iremos actualizando todo o relacionado cos concertos. Non deixedes de botar un ollo de cando en vez.

Tamén está a piques de aparecer o EP Os monstros da máquina vol. I, compilatorio no que todas as bandas do selo homenaxeamos os monstros da civilización. No noso caso, participamos en colaboración coa xente de Sub Rosa cun tema dedicado a Eva Perón.

Máis nada, lembrade que para unha comunicación máis áxil e actualizada estamos en facebook e twitter.

9.12.13

As Ataque Escampe pasan o inverno



O próximo sábado 14 de decembro faremos o noso único concerto en moito, moito tempo: será no C.S. O Pichel de Compostela no marco do festival Máis discos para a máquina que monta a nosa segunda casa Discos da máquina do 13 ao 20 de decembro. Nós tocaremos canda o grupo Grampoder e as entradas (5 euros un día, 10 euros tres días) podédelas mercar en Miranda - Cultura para levar e mais n'A Reixa Tenda.

Ademais, un petisco: o 12 de xaneiro de 2014 tocaremos unha peza ou dúas no festival Implícate, no Teatro Principal de Compostela.

Por último, xa está nas tendas o disco colectivo Os Bolechas fan unha banda, no que participamos cun tema inédito, "After Hours".

Así pasamos o inverno mentres o novo LP que prometemos para 2014 vai tomando forma, de a pouco.

16.7.13

Os bolos que veñen!


25-7

Festival Armadiña Rock (Combarro). Con Som do Galpom e Champurrada.

2-8

Venres de teatro  con Roberto Vidal Bolaño (Lugo).

10-8

Festival do Alto Támega (Laza).

Vir! Aaa-cu-dirr!!

26.6.13

Buscando o mar

Logo do cálido e intenso concerto de Vista Alegre -quen dixo frío? obrigadas ao público incondicional!- continuamos atravesando o verán, desta vez buscando o mar: Venres 28. FERROL. Sala Super 8. 23 h. Entrada: 5 euros. Sábado 29. RIANXO. Romaría de San Pedro de Vilas (Asados). C'O Leo e outras. 22 h. De balde.

21.6.13

Ataque Escampe en Vista Alegre!

Xa figuran na sección "Proximos concertos" novas datas para este verán.

Tagen Ata, Macondo, Invernalia, o Enterprise e Santa María son lugares ficticios. Vista Alegre é real, nacional-popular e o berce de Vidal Bolaño. Tamén é a nosa impostación vital máis célebre. Xa sabedes: todas as orfas tedes sitio alí, na nosa casa, a noite do San Xoán. Polo I Festival do Lume 2013 pasarán tamén The Tetas Van e Phantom Club. Nosoutras escorrentaremos as meigas a iso da 1.00. Haberá cacharelas, sardiñas e, como non, viño. ACUDIR!!


Ataque Escampe, Vista Alegre from Compostela de Santiago on Vimeo.

9.4.13

Volven os cinco


Volven os cinco. Ataque Escampe recupera o quinteto para poñer orde nas Rías Baixas. A ver que carallo vai ser isto.

Sábado 13 en PONTEVEDRA: Sala Karma. Con Fervellasverzas. Apertura de portas: 22 h.

13.3.13

A Xira de primavera


Romántico, si. Chega a primavera e o noso corazonciño inxenuo volve acelerarse. Mesmo nos dá por visitar a Alhambra e todo. 


16 de marzo. Casa da Cultura. SALVATERRA. 
5 de abril. Café Uf. VIGO
13 de abril. Sala Karma. PONTEVEDRA
25 de abril. Universidade de GRANADA.
3 de maio. Pub Gatos. MELIDE. 

26.2.13

Ataque Escampe: o regreso

Amigas todas: as Ataque Escampe estamos a preparar un regreso aos escenarios a partir desta primavera e, entre outras sorpresas, vimos de recuperar o noso vello blogue, que tiñamos un tanto abandonado por causa da comodidade das redes sociais, e transformámolo (máis ou menos) en web. Efectivamente, a partir de agora encontrarédesnos en http://ataqueescampe.org (se intentades entrar desde blogspot, redireccionaravos, así que sen problema).

A idea é manter o web ROCK DE SERIE B para a información máis importante (concertos, contratación, discos, vídeos, etc.), e ao mesmo tempo ter unha comunicación máis fluída con todas vós nas redes sociais. Por iso agora as nosas avoas, que non teñen facebook nin twitter, poderán consultar o web sen que se teñan que enterar necesariamente daquela vez que un de nós baixou mexar na metade dun concerto. Todo isto obríganos a un sacrificio, que son os comentarios do blogue. Sabemos que non todo o mundo está nas redes sociais, pero nesta nova xeira preferimos dedicar o tempo a ensaiar e non a pensar maneiras de evitar o spam nos comentarios. Total, que os retiramos.

E isto é todo. En realidade somos as de sempre: tímidas e amábeis a partes iguais, todo o humildes que podemos, algo trapalleiras, feíñas de cara, de gran corazón e cada vez máis calvas. A única diferenza é que agora facemos os deberes e ordenamos o noso cuarto. Ou polo menos prometemos facelo.

A paz sexa con vós. E co voso espírito.